Sunday 28 de April de 2024

Avanzan as obras do centro social de Goiáns para seguir estendendo a rede de edificios municipais polas parroquias


O alcalde realizou unha visita ao local, no que estamos a realizar un investimento de máis de 350.000 euros

A rede de centros sociais do Concello de Carballo ampliarase a curto prazo. Na parroquia de Goiáns avanzan as obras de construción dun novo edificio no que estamos a investir, nunha primeira fase, máis de 350.000 euros. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Participación Veciñal, Daniel Pérez; Planificación, Juan Seoane, e Servizos, Miguel Vales, achegáronse ata o local, onde recibiron todo tipo de explicacións tanto por parte dos arquitectos que deseñaron o proxecto coma da empresa que se encarga das obras, a carballesa Anivelados.

Os autores do proxecto, Laia Cervelló e Miguel Fernández-Galiano, do estudo Fernández Carballada e Asociados, destacan o “encrave privilexiado” da parcela na que se situará o centro social. “Entre unha gran explanada e masa arbórea no seu lado suroeste, o edificio é visible dende todos os camiños que o rodean”, sinalan, e para aproveitar esas especiais características optaron por un inmoble “con cinco fachadas igual de representativas e sen priorizar ningunha das súas orientacións. Así, aínda sendo un edificio de pequena escala, convértese nun fito dentro da súa contorna”, explican.

O centro social de Goiáns formará parte da paisaxe do mesmo xeito que a paisaxe se converte nun elemento máis de deseño do edificio. Terá unha planta única, central e cadrada, de 21×21 metros, e esa peza central fragméntase en rectángulos de distintos tamaños e proporcións que dan solución ao programa de necesidades presentado. Cada volume contará con cuberta a dúas augas para que visto dende a distancia semelle unha aldea tradicional, pero tamén se introducen elementos contemporáneos mediante a utilización do material e a cor escollidos para as fachadas.

O edificio, de planta baixa, ocupará 341,62 metros cadrados, incluídos 51,73 correspondentes aos patios descubertos. Os restantes repártense entre o vestíbulo, iluminado por un gran lucernario circular cenital, dende o cal se accede ao resto das estancias: auditorio con capacidade para 36 persoas que pode duplicar esa capacidade abríndose ao soportal, escenario, sala multiusos, cuarto da limpeza, almacén, oficinas, arquivo, cociña e aseos, respondendo ás necesidades presentadas polo movemento asociativo da parroquia. O proxecto prevé tamén a creación de 14 prazas de aparcamento e un axardinamento baseado na potenciación das especies arbóreas existentes.